Sobre nós

Inicio / Sobre nós

O colectivo xorde a partir dun pequeno grupo de profesionais da comunicación que, de xeito desinteresado e altruísta, decidimos poñer os nosos coñecementos en contidos audiovisuais ao servizo da comunidade. Temos en común o espíritu crítico e o compromiso social e entre todos tratamos de ofrecer historias honestas, veraces e independentes. Apostamos por facerlle chegar á opinión pública os relatos de protagonistas invisibles que precisan ser escoitados e dignificados para convertese en parte activa desta sociedade. O obxectivo é recuperar a credibilidade e a confianza daqueles que se senten estafados polo discurso dos grandes medios do que nunca forman parte e que ademais responde a intereses alleos ou contrarios aos seus.

O noso é un relato de proximidade, de posta en valor do que temos máis preto. Desde este lado do mundo queda moito por contar: nuns casos será común ao que estea pasando noutros espazos, noutros, serán as nosas diverxencias socioculturais as que esixan poñer o foco sobre elas.

Desde 2015 Lentes Diverxentes vén desenvolvendo diferentes proxectos documentais e reportaxes de carácter social, ambiental e cultural. A nosa actividade ao longo deste tempo foi continuada e estivo marcada polo ritmo das historias que eliximos contar. Así, comezamos a nosa andaina escoitando as vítimas do accidente do tren Alvia o 24 de xullo de 2013. Despois de seren o centro mediático durante as semanas posteriores ao sinistro, un ano máis tarde sentíanse esquecidas e silenciadas. Era entón, precisamente, cando tiñan demasiadas interrogantes sobre o acontecido e esixían unha investigación independente que depurase as responsabilidades políticas da traxedia. E foron elas quen o contaron e o reclamaron en Angrois no esquecemento.

Acompañamos ao longo destes anos a Columna Galega das Marchas da Dignidade, tecendo un relato das mobilizacións que baixo o reclamo de “Pan, traballo e teito” esixiron unha vida digna para a cidadanía galega.

Tamén o fixemos co Movemento Galego de Saúde Mental, durante os cinco meses (de maio a setembro de 2016) que reclamaron un Plan Galego de Prevención do Suicidio para sensibilizar dos altos índices de mortes por esta causa no país e da falta de medidas sociosanitarias.

Desde outubro de 2016, Lentes Diverxentes puxo o seu foco na nosa Memoria Histórica: no estudo da represión, da guerra civil e do franquismo. A memoria silenciada dos represaliados, individual e colectiva, que se perde co paso das xeracións, ten en Lentes un espazo no que quedar rexistrada. Construímos o relato desas historias anónimas conservadas polas familias e os veciños e sepultadas en foxos ou cemiterios. Cremos que hoxe en día o noso pasado non pode seguir sendo descoñecido e ocultado.

Tampouco poden ser agochados os múltiples intereses que as grandes empresas multinacionais teñen sobre o noso territorio ás que neste momento o goberno galego lles dá cobertura legal cunha lei que pretende desregular ámbitos como o mineiro, o forestal ou o eólico. É imprescindible o debate público sobre uns proxectos de grande impacto ambiental que constitúen unha ameaza social. Por iso denunciamos a política forestal e de organización do territorio que permite que os nosos montes ardan cada verán. Convertémonos en altofalante dos veciños que temen proxectos como o da reapertura da mina de cobre de Touro, que se negan a ter esta ameaza ambiental a carón das súas casas, da súa terra e da súa auga. Tamén coa Plataforma de afectados polo vertedoiro Santiago de Compostela-Miramontes, na súa batalla contra unha nefasta xestión do lixo que é un dos grandes problemas ambientais do país.

En definitiva, traballamos na defensa do noso patrimonio natural e dos nosos sectores produtivos que viven baixo unha ameaza permanente dos intereses privados amparados por unha Administración que despois lamenta as “catástrofes ambientais” reiteradamente anunciadas e predicibles. Estamos preocupados polo ben común e cremos que queda moito por mudar, así que trataremos de contribuír a ese cambio cos relatos que contamos.

PARA ASOCIARSE:

Se queres facerte socio da Asociación Audiovisual Lentes Diverxentes  envíanos un correo electrónico ao enderezo lentes.diverxentes@gmail.com.

A cota anual para 2018 é de 10 euros a pagar nun só prazo. Unha vez recibida a túa solicitude porémonos en contacto contigo.

PRESIDENTE: Fran Piñeiro
SECRETARIO: Emilio Carral
TESOUREIRA: Susana S. Recouso